A chalana bregaba paseniño mar adentro, na percura dos raios espidos do sol que lucían refulxentes no horizonte. Canto máis remaba, semellaba estar máis afastado, o infinito desplegábase ante min, deslumbrante, irremisiblemente engaiolante e fermoso.
Entón puidome o cansancio e detívenme, crucei os remos e limpei as máns, camuflándoas no peto.
A mar en calma golpeaba rítmica e garimosamente, aloumiñando o esquelete da chalana. Ésta escomenzou a xirar sobor do seu propio eixe. De súpeto, sentinme alterado, tremaba e perdín a consciencia, retendo tan só o agudo trino duns xílgaros que me facían compaña, aferrados á proa. Fixei a vista na dos paxariños e votei unha ollada interior da que quedei prendado.
Cando me decatei, estaba máis afastado da ourela pero igualmente afastado dese punto radiante no horizonte. Ao redor, todo estaba sumido nunha eterna e teimosa escuridade.
Dende entón, o meu sentido xira vertixinosamente, sen permitirme avanzar nin por elo retroceder.
¿Ónde estás, meu amor?, bruei desesperadamente, en tanto un extraño arrecendor me envolveu, era un arrecendor alléo pero nin moito menos descoñecido.
Decateime que ao meu carón tiña a túa chambra de lá, con ela enxuguei as miñas bágoas e lembrei desesperadamente que no fondo do mar xacía un corpo cómplice e na superficie, un remorso de culpabilidade que me illa e a miúdo me atormenta.
Un pesadelo máis fixado na miña existencia, un de tantos, tan diferente e mesmamente semellante a tódolos demáis que me fan sentir culpable alí onde me atopo.
Naquel intre, sonou o despertador, estaba en terra firme e ben plantado, acerqueime a fiestra, escorrín as cortinas e vin abraiado nublarse o firmamento, caer o sol e morrer a tarde.